Wednesday 24 de April de 2024

A terceira edición do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro queda sen adxudicar


O xurado do III Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro deu a coñecer nesta mesma mañá a súa
decisión respecto de que a convocatoria deste ano quede sen se adxudicar, é dicir, non se premia ningunha das 8 obras presentadas (1 poemario e 7 pezas narrativas). Así o anunciaron Francisco Castro, director xeral da editorial Galaxia, e M.ª Eulalia Agrelo Costa, filóloga e ensaísta galega, agás Xosé Antonio Neira Cruz, gañador da segunda edición deste premio, quen se ausentou por cuestións de saúde. Acompañados do alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro; a concelleira da Cultura, Patricia Lojo; o presidente da asociación cultural Barbantia, Manuel Cartea; e da muller do escritor que dá nome a este certame literario, Lourdes Briones; Francisco Castro manifestou que a decisión das tres persoas integrantes do xurado estivo motivada porque consideran que “ningunha das obras presentadas nos parece merecedora de recibi-lo galardón pola súa baixa calidade”, insistindo en que "para nós é moi importante mante-lo nivel que este premio conseguiu nas dúas anteriores edicións”.A este respecto
engadiu que “é unha decisión difícil, pero que, no fondo, eu creo que debe ser entendida como unha boa nova”, pois afirmou que “por enriba de calquera cousa está a dignidade deste premio, a calidade deste premio e, polo tanto, este xurado cre que dignificamos máis aínda o premio e a memoria de Carlos
Mosteiro declarando neste ano 2020 que esta terceira edición queda sen adxudicar”.
Pola súa parte, M.ª Eulalia Agrelo Costa apuntou que “o criterio da calidade debe ser prioritario neste tipo de certames” e que as obras asociadas a este recoñecemento “deben ofrecer un mínimo de calidade”, tanto no que respecta ao texto coma á trama que se desenvolve. Neste senso, expuxo que non se trata unicamente dun elemento dinamizador e que hai que pensar na persoa receptora, toda a traxectoria e todo o que implica a lectura, razón pola cal “temos que ser moi coidadosos no tipo de produto que chegue ás súas mans”.
Na súa intervención, Manuel Cartea sinalou que aceptaba e aplaudía a decisión tomada “porque non se pode facer outra cousa nestes casos” e precisou que un premio ten dúas vertentes: homenaxear unha persoa e fomenta-la lectura nos máis novos e novas, nesta ocasión, ao se tratar de literatura infantil.
A edil Patricia Lojo explicou que “non é un momento fácil para ninguén”, facendo referencia á situación sanitaria derivada da COVID-19 que puido afecta-la produción literaria.

Finalmente, o rexedor Xosé Lois Piñeiro expresou o seu agradecemento ao xurado porque “é unha decisión que hai que tomar con valentía e que esperamos que sirva para ese obxectivo de salvagarda-la calidade do premio e que siga figurando entre os importantes dentro de Galicia para a literatura xuvenil”. Tamén quixo trasladar unha mensaxe de ánimo para que se sigan presentando obras de cara á próxima edición.